Asociación Compostelá de amigas e amigos dos camiños de Santiago

Un espazo real e virtual para traballar, debater e reflexionar sobre as peregrinación dende Santiago.

Este día 21 de decembro, coincidindo as celebracións do 30 aniversario da proclamación do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO e conmemorando o 35 cabodano de Elías Valiña Sampedro, crego do Cebreiro e principal impulsor do rexurdimento contemporáneo do Xacobeo, anunciouse no Hostal dos Reis Católicos a creación dunha nova entidade, a Asociación Compostelá de Amigas e Amigos dos Camiños de Santiago (ACASA). ACASA nace grazas ao esforzo dun grupo de persoas que detectou a necesidade dunha asociación destas características con base na cidade de Santiago, algo que ata o de agora non existía. A asociación creouse coa idea de promover os Camiños de Santiago e traballar pola convivencia ente os fluxos de peregrinación e a poboación local, así como investigar e desenvolver actividades culturais conxuntamente con outras entidades, colectivos e asociacións. No acto de presentación, realizado no Salón Obradoiro do Hostal dos Reis Católicos, proxectouse un documental sobre a figura de Elías Valiña Sampedro e realizouse un coloquio coa intervención de Francisco Xabier Castro Miramontes, Purificación Varela, Julio Castro Marcote, Encarna Otero, Francisco Javier Miguez Nimo e Aser Álvarez González, no cal participaron persoas de varios ámbitos relacionados co Camiño de Santiago e onde se conversou sobre o estado actual dos Camiños de Santiago e o seu impacto social, cultural e económico.

OS NOSOS OBXECTIVOS

  1. Promocionar os Camiños de Santiago na comarca de Santiago de Compostela.
  2. Analizar e traballar pola convivencia entre os fluxos de peregrinación e a poboación local en Santiago de Compostela e os Camiños de Santiago.
  3. Desenvolver actividades culturais relacionadas cos Camiños.
  4. O estudo, análise e divulgación de cuestións relacionadas cos Camiños de Santiago.
  5. Promover as rutas xacobeas alternativas.
  6. Colaborar coas administracións e outras entidades, colectivos e asociacións relacionados cos Camiños de Santiago e a súa cultura.