TERROR EN FERROLTERRA
Un pobo sen memoria é un pobo neurótico. Na comarca de Ferrolterra, máis de 900 persoas, case a terceira parte de todas as vítimas da represión franquista en Galicia, agardan aínda por un recoñecemento social e moral que non chegou.
Terror en Ferrolterra é un proxecto de investigación documental e transmedia sobre a represión franquista en Ferrol e comarca, reunindo investigación de arquivo, memoria oral e retratos artísticos do debuxante Siro López para construír un relato plural e rigoroso arredor dos presidios, os fusilamentos, os paseos e a resistencia antifascista desta comarca, con especial atención ás historias de mulleres silenciadas.
Datas
23 de xullo de 1936
Tras dous días de resistencia por parte dos defensores da república, os golpistas consolidan o mando da base naval e da cidade.
26 de xullo de 1936
Primeiras execucións documentadas en Ferrol, no cemiterio de Canido.
30 de agosto de 1936
Fusilamentos do 30 de agosto, unha das primeiras grandes masacres perpetradas na cidade.
Setembro de 1936
O buque Plus Ultra, fondeado na ría de Ferrol, comeza a servir como prisión para presos políticos.
30 de setembro de 1938
A cidade de Ferrol cambia oficialmente o seu nome a «Ferrol del Caudillo» mediante unha orde ministerial.
27 de xuño de 1946
Estala a coñecida como «folga do aceite», unha das primeiras folgas celebradas en España durante o franquismo e a primeira en Galicia reprimida duramente polo réxime.
10 de marzo de 1972
Asasinato de Amador Rey e Daniel Niebla a mans da policía franquista durante a represión exercida contra unha manifestación dos asteleiros, deixando tamén 50 feridos por balas.
Vítimas da represión
Na comarca de ferrolterra houbo 0 víctimas mortais directas da represión franquista, estas son algunas delas
Amador Rey Rodríguez
Obreiro do estaleiro Empresa Nacional Bazán en Ferrol, militante do PCE e responsable do Comité Local de CCOO. Foi asasinado o 10 de marzo de 1972 xunto ao seu compañeiro Daniel Niebla no marco dunha manifestación contra o despedimento dos líderes sindicais e a exigencia de melloras, na que a policía franquista disparou munición real contra a multitude desarmada. No seu recordo, o 10 de marzo instaurouse como día da clase obreira galega.
Amada García Rodríguez
Militante do Partido Comunista en Mugardos e feminista, sometida a arresto domiciliar e traballos forzados tralo golpe de Estado de 1936, detida en abril de 1937 estando embarazada, foi sometida a un consello de guerra que a condenou a morte, sendo executada o 27 de xaneiro de 1938. En xaneiro de 2026 a xustiza anulou o seu consello de guerra.
Ramiro Carrodeguas Castro
De formación autodidacta, era Cabo de artillería da Armada, e ao producirse o golpe, liderou xunto ao Maestre Manso, a defensa da legalidade republicana nas Brigadas de Instrucción do Arsenal. Dous días despois, negociaron a rendición en Capitanía Xeral, obtendo a promesa de respetar as vidas, máis foi condenado a morte por un un Consello de Guerra, sendo fusilado o 5 de setembro na Punta do Martillo do Arsenal e soterrado no cemiterio de Canido.
Daniel Niebla García
Obreiro do estaleiro Empresa Nacional Bazán en Ferrol, militante do PCE e responsable do Comité Local de CCOO. Foi asasinado o 10 de marzo de 1972 xunto ao seu compañeiro Amador Rey no marco dunha manifestación contra o despedimento dos líderes sindicais e a exigencia de melloras, na que a policía franquista disparou munición real contra a multitude desarmada. No seu recordo, o 10 de marzo instaurouse como día da clase obreira galega.
Antonio Azarola Gresillón
Contraalmirante, Ministro de Mariña durante o goberno de Portela Valladares, dende 1934 era o segundo xefe da Base Naval en Ferrol e xefe do Arsenal, ainda que con vacilación, decidiu non formar parte da sublevación militar, polo que tralo triunfo desta, foi detido, sometido a un xuizo sumarísimo e condenado a morte, sendo fusilado o 4 de agosto de 1936 no cuartel de Dolores.
Juan García Niebla
Mestre, fundador da escola pública de Caranza, director na de Serantes, Ferrol Vello e Canido. Formou parte da sección de traballadores da ensinanza da UGT. Co golpe de Estado foi detido no buque Plus Ultra e asasinado o 17 de agosto de 1936. Está soterrado nunha fosa común do cemiterio de Canido.
Gumersindo Díaz
José López Bouza
Funcionario municipal, presidente da Agrupación local de Izquierda Republicana, foi elixido concelleiro durante a II República e presidiu a xestora da Deputación. Formou parte da comisión que presenta en Madrid o Estatuto de Galicia en xullo de 1936; ao regresar, é detido o 21 de xullo, sendo condeado a cadena perpetua. O 30 de agosto é sacado do cárcere do partido e asasinado no cemiterio de Canido.
Miguel Mendiguchia Real
Capitán honorario de Infantería de Marina en situación de retiro, militante de Izquierda Republicana e tesoreiro na directiva do Frente Popular. Foi detido no Concello o 21 de xullo de 1936, condeado a cadea perpetua. O 25 de agosto foi sacado do cárcere do partido e asasinado no cemiterio de Canido.
Matías Usero Rey-Torrente
Apóstata, doutor en teoloxía e Mestre, foi vicepresidente do Comité Municipal de Unión Republicana, da Fraternidad de Cultura ferrolana e director da escola racionalista de Ferrol, de carácter anarquista. Foi excomulgado e as súas obras foron incluídas no índice de libros prohibidos. Foi detido o 24 de xullo de 1936 e procesado, sendo asasinado o 18 de agosto.
Luis Pérez Carballa
Coronel médico da Armada retirado, exerceu moitos anos coma xefe de clínica, subdirector e xefe de sanidade do hospital de Ferrol; masón, membro da irmandade da fala, asinou o Manifesto da Asemblea Nacionalista de Lugo; Os golpistas lle interceptaron unha carta dirixida a Giral onde reiteraba a súa fidelidade e compromiso ca República, foi detido e condenado a morte nun consello de guerra, sendo fusilado o 15 de marzo de 1937.
Xaime Quintanilla Martínez
Medico ciruxano, político socialista e destacado intelectual: impulsor das irmandades da fala, conferenciante, escritor, xornalista e dramaturgo. Foi o primeiro alcalde republicano de Ferrol, participando na redacción do estatuto e na súa campaña. O 27 de xullo de 1936 foi encarcelado no buque Plus Ultra, de onde foi sacado xunto con 14 personas e asasinado no cemiterio de Canido.
Mario Rico Cobas
Calderero na constructora naval, fundador da publicación "Cultura Proletaria" e dramaturgo, foi un militante moi destacado na CNT e no partido sindicalista, sufrindo varias detencións pola súa militancia, incluso durante a República. O 21 de xullo de 1936 foi apresado no Concello de Ferrol, levandoo á prisión da Escollera; decretada a súa liberdade sen cargos, foi entregado á forza pública, sendo asasinado en Canido o 18 de agosto.
Segundo Vilaboy Martínez
Traballador da Constructora Naval, militante do Partido Comunista, secretario político do comité de Ferrol, uniuse á guerrilla ao ser descuberta a súa célula. En maio de 1947 é ferido na cabeza nun enfrontamento ca Guardia Civil, capturado, é torturado salvaxemente para que delate aos seus compañeiros. Non fala e foi condenado en Consello de Guerra, sendo executado a Garrote Vil no cárcere do partido de Ferrol o 9 de decembro de 1947.
Os lugares


