XOSÉ VELO
UN PROXECTO DOCUMENTAL DE RECUPERACIÓN DA MEMORIA DEMOCRÁTICA
Animal político, Xosé Velo non foi animal de rebaño. Aínda que se mantivo até a morte na órbita do galeguismo co que comezara de mozo, puxo sempre por diante a súa conciencia (ou o instinto) aos ditados de calquera organización. Nin atopou acubillo definitivo nin deixou herdeiros políticos directos. Se cadra é por iso que, malia ter vivido en primeira liña a República, a guerra e a resistencia antifranquista, tanto no interior como no exterior (co máximo protagonismo no episodio sonado do secuestro do Santa María), segue sendo un recordo borroso para os vellos, unha figura semidescoñecida para a xeración intermedia e nada en absoluto para os máis novos.